Este venres día 23 de maio no CPS San Valentín (Fene)levarase a cabo un obradoiro sobre consumo responsable de Fármacosno marco do programa de prevención da drogodependencia que desenvolve ASFEDRO coa colaboración da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.
Segundo a OMS mais do 50% dos medicamentos prescríbense, dispénsanse ou véndense de forma inapropiada e a metade dos pacientes non os toman correctamente.
O uso incorrecto dos medicamentos ten efectos nocivos para os pacientes e constitúe un desperdicio de recursos.
Por uso racional de medicamentos enténdese o seu uso correcto e apropiado, é dicir, o paciente ten que recibir o medicamento adecuado á dose debida durante un período de tempo suficiente, ao menor custo posible para el e a comunidade para que o sistema sexa sostible.
Entre os problemas mais frecuentes que poden dar lugar a un uso incorrecto temos:
1. O consumo de varios medicamentos á vez (polifarmacia)
2. O uso excesivo de antibióticos e inxectables
3. A prescrición non axustada a directrices clínicas
4. A automedicación inapropiada
De acordo co anterior, neste obradoiro preténdese presentar unha estratexia preventiva onde se desenvolven actividades de información e concienciación, educación para a saúde así como prevención dos riscos asociados ao consumo abusivo dos fármacos e á práctica arriscada da automedicación.
Esta actividade ten carácter gratuíto e está aberta para toda a poboación.
MÁIS INFORMACIÓN: SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE FENE
Avda. Do Mar, bloque 1, baixo – San Valentín 981 34 26 07 – 981 49 27 06
OBRADOIRO SOBRE CONSUMO RESPONSABLE DE FÁRMACOS
Data: venres 23 de maio ás 19.00h.
Lugar: CPS San Valentín. (Avda. do Mar 31 -33 – Baixo – San valentín)
Ponente: D. Juan Santalla López.