A Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol, como entidade coordinadora do Convenio para a promoción turística do xeodestino Ferrolterra durante o 2015, convoca aos integrantes do sector vencellado ao surf a un encontro que se desenvolverá o vindeiro día 28 de agosto ás 10:00 da mañá no Centro Cultural Torrente Ballester(Concepción Arenal, s/n, Ferrol)
Esta liña de traballo atópase incluída no plan de actuacións 2015 do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol, e ven a dar continuidade aos obradoiros de emprendemento e negocio turístico levados a cabo no ano 2014.
Os obxectivos que se perseguen con esta xornada son os seguintes:
– Contextualización: Dar a coñecer a todos os axentes implicados os antecedentes que motivan esta xornada de traballo.
– Diagnose de situación: co obxecto de establecer unha diagnose das potencialidades do destino turístico como destino de surf, precisaranse as indicacións e aclaracións necesarias para cubrir un cuestionario que permita elaborar unha imaxe da situación do sector a nivel supramunicipal.
– Representación sectorial: traballaremos finalmente na elección de 2 representantes do sector que pasen a formar parte dun grupo de expertos cos que traballar para definir as estratexias para crear o produto turístico Ferrolterra Surf.
Para máis información se pode contactar con coordinacion@turismoferrolterra.es