“I MOSTRA DE COOPERATIVISMO E ECONOMÍA SOCIAL DE FERROLTERRA”

O vindeiro día 28 de setembro nas instalacións do Centro Torrente Ballester desenvolverase a Primeira Mostra de Cooperativismo e Economía Social de Ferrolterra, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O horario será de 9h da maña a 21h da tarde, con entrada libre. Desenvolverase ao longo do día con diferentes postos de información sobre proxectos de economía social da comarca, atendidos polos protagonistas destas experiencias; un posto de información sobre a economía social e actividades centradas na visualización da economía social, como charlas e xogos onde se porá en valor os principios e valores cooperativos.

A finalidade desta Mostra é fomentar que a cidadanía sexa consciente á hora de consumir na Economía Social, así como informar e asesorar ás persoas que teñan interese en emprender baixo a fórmula cooperativa en Ferrolterra. Cada día que pasa medra a demanda de produtos da economía social, dado que o consumidor é cada vez máis socialmente responsable e demanda produtos de proximidade nos que non hai intermediarios, sabendo que a proximidade ten un impacto positivo sobre o noso territorio.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais os centros especiais de emprego e as cofradías de pescadores, integran a denominada economía social. Esta economía é entendida como o conxunto de actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes ou ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

A economía social fundaméntanse nun conxunto de valores orientados a fins sociais como a primacía das persoas e do fin social sobre o capital, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social, etc., promocionándose a solidariedade interna coa sociedade, e favorecendo o compromiso co desenvolvemento local.

A fórmula cooperativa foi un dos modelos de emprendemento que mellor soportou a crise económica. As cooperativas non só se mantiveron, senón que medraron: nos últimos 10 anos o número de cooperativas en Galicia aumentou en 300, e na actualidade son un total de 1.318 cooperativas na nosa Comunidade. A maior parte das cooperativas activas na actualidade pertencen aos sectores de traballo asociado (son socios/as e ao mesmo tempo traballadores/as). Recentemente naceu unha grande organización que agrupa a agrupa a 181 cooperativas, das cales 152 son de traballo asociado, 28 de ensino e unha de consumo. Esta organización é a Unión de Cooperativas EspazoCoop. Na Comarca de Ferrolterra, a porcentaxe maior de cooperativas corresponde ás de traballo asociado, tendo unha forte presenza nos centros de ensino, especialmente os de infantil. Na I Mostra de Cooperativismo e Economía Social de Ferrolterra van a estar presentes representantes de AFESIN (Asociación de escolas infantiles de Ferrolterra), así como da Unión de Cooperativas EspazoCoop, participando nunha charla baixo o titulo “Outra forma de facer empresa”.

Neste tipo de cooperativas de traballo asociado a propiedade está en mans do colectivo das persoas traballadoras e socias, os que polo tanto asumen todo o protagonismo na toma de decisións e na marcha da actividade que desenvolven. O papel central que asumen as persoas traballadoras e socias outorga a estas empresas unha serie de características moi particulares e valiosas, que en especial son adecuadas para atender diversas demandas, inquietudes e problemáticas do mundo actual, ligadas aos profundos e rápidos cambios que está experimentando o conxunto da sociedade e da economía. Son varios os motivos polos que as cooperativas soportaron mellor a crise, primeiramente por responder cunha maior flexibilidade salarial á recesión, xa que ao darse a dobre condición de que a persoa sexa o empresario e traballador, ten un interese especial na supervivencia da sociedade cooperativa.

As cooperativas van tecendo redes entre elas, establecen alianzas para xerar economías de escala e reducir de xeito considerable os seus custos, compartindo sedes, servizos, recursos, etc. Existen cooperativas que contan con seccións de crédito con aportacións voluntarias dos socios/as, facilitando o poder resistir os tempos difíciles.

Na mostra imos poder contar co grupo cooperativo Caja Mar, a cal atende a calquera sector económico e de poboación, se ben como empresa da economía social, adica a súa atención preferente aos sectores produtivos locais, en especial ao sector agroalimentario.

Poderemos contar coa presenza de Nosa Enerxia, s.coop.galega, primeira cooperativa galega que nace co obxecto de comercialización da enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, apostando pola sostenibilidade enerxética e pola xestión transparente.

Teremos a presenza de AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias) nun dos postos da mostra e contaremos na charla da mañá co seu xerente Higinio Mougán. AGACA nace no 1988 como unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter non gubernamental. Fórmana un conxunto de cooperativas agrarias galegas que unen os seus esforzos coa finalidade de crear unha organización capaz de representar e defender os intereses e necesidades das múltiples cooperativas agrarias e gandeiras da Comunidade Autónoma. Na comarca de Ferrolterra contamos con diversas cooperativas agrarias, tales como AGROFLOR. Outras que naceron como cooperativa agrarias, actualmente son cooperativas de consumo. Na mostra estará presente COPAGRO, cooperativa agraria de segundo grado presente na nosa comarca dende o ano 1973 e que está formada por outras cooperativas unidas para colaborar entre elas e fortalecerse como empresas así como conseguir uns mellores servizos para os seus socios.

Contaremos coa participación de Pingota Comunicación s.coop.galega, un equipo formado por Puri Rodriguez, Montse Mayoral e Pilar Cotovad, con máis de 20 anos de experiencia profesional en prensa. Elas decidiron emprender baixo a fórmula cooperativa en outubro do 2015 en Ferrol. O seu obxectivo é transformar en noticia as informacións xeradas polos seus clientes e xestionar todo tipo de servizos en materia de comunicación atendendo ao auxe dos novos medios dixitais e de redes sociais. A finalidade do seu traballo é converter nun activo a forma de comunicar de empresas, administración e entidades, de xeito que sexa un rasgo distintivo e un valor engadido.

Outra cooperativa que estará presente é Andaravía, cooperativa cultural que trata de introducir en Ferrol un espazo alternativo á cultura. Catu, Yolanda e Mamen tiveron a idea de apostar pola cultura na súa cidade.

Ao longo da xornada do 28 de setembro levaranse a cabo dentro da Mostra dinámicas e outras actividades para achegar ao público á filosofía da economía social, organizadas pola cooperativa Rexenerando. Esta cooperativa de traballo asociado nace no ano 2014, cando catro persoas con distintas inquedanzas, enfoques e perspectivas profesionais deciden comprometerse nun proxecto común. Como elas mesmas din, “rexenerámonos nós e rexeneramos o noso entorno”. Están especializadas en equidade, igualdade de oportunidades, innovación social, orientación laboral, animación cultural e interpretación do patrimonio.

Ademais das cooperativas, na Mostra estarán presentes centros especiais de emprego, os cales realizan un traballo produtivo, que ten por finalidade a integración das persoas con diversidade funcional ao réxime de traballo ordinario, de xeito que aseguran un emprego remunerado á vez que prestan os servizos de axuste persoal e social que requiran estas persoas. Acompáñanos o centro especial de emprego Cabo Prior Suministros, especializado en roupa e medidas de protección laboral, facial, ocular, auditiva, manual,etc. Todo o material necesario para o equipamento protección persoal en materia laboral.

Englobando diferentes proxectos da economía social en Ferrolterra contaremos con ASCM, asociación sociocultural creada no ano 1987, como unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a plena integración das persoas con discapacidade. Como eles mesmos expresan: “porque todos somos persoas con algún tipo de discapacidade nalgún momento da nosa vida, xa sexa temporal ou permanente”. Baixo esa asociación naceron diferentes centros especiais de emprego.

Non podía faltar a presenza da Cofradia de pescadores como unha das entidades destacadas dentro da economía social. Ferrolterra conta cunha forte tradición mariñeira, vinculada aos pósitos. Son corporacións sectoriais, sen ánimo de lucro, representativas de intereses económicos de armadores de buques de pesca e de traballadores do sector extractivo, cuxa xestión se desenvolve co fin de satisfacer as necesidades e intereses dos seus socios, co compromiso de contribuír ao desenvolvemento local, á cohesión social e á sustentabilidade. Agradecese a presenza da Patrona maior da Cofradía de Ferrol Isabel Maroño Váquez, participando cun dos postos na mostra.

Para máis información: Dolores Regueiro Pérez, Técnico de Cooperativismo da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Tlf.: 981944195, e-mail: dregueiro@ferrol.es

PROGRAMA_MOSTRA_PANT

Captura de pantalla 2017-09-25 a las 18.00.15

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s