A Mobilidade Sostible é un ámbito de traballo particularmente adecuado para a colaboración entre concellos dentro de estratexias comarcais. Nos últimos anos a Mancomunidade realizou sucesivos estudios e experiencias piloto nesta materia.
O proxecto IDEA-STCC (“Sistema de Transporte Colectivo Coordinado”) desenvolveuse entre os anos 2002 e 2005 dentro do Programa Interreg SUDOE IIIB e a través dun consorcio transnacional liderado pola Mancomunidade. A iniciativa serviu para deseñar e promover modelos de transporte sostible, como a intermodalidade, o uso da biclecta ou os coches compartidos. Este traballo proporcionou unha base para o desenvolvemento posterior de proxectos de mobilidade por parte dos concellos e da Mancomunidade, e sigue sendo unha referencia valiosa.
No ano 2011 a Mancomunidade realizou coa colaboración do INEGA un estudo da viabilidade da creación dunha oficina de mobilidade sostible de ámbito comarcal, no que se determinan as funcións de asesoramento, coordinación e difusión deste servizo.
No ano 2011 a Mancomunidade levou a cabo un proxecto piloto consistente na instalación dunha rede de puntos de carga para vehículos eléctricos ao longo da comarca. Se ben a infraestrutura actualmente non se encontra operativa debido aos intensos cambios tecnolóxicos e normativos neste período, esta iniciativa serviu para contribuír ao coñecemento deste modo de transporte que en agosto de 2019 rexistrou un crecemento do 119 % e perto de 7.000 matriculacións no mesmo ano no caso dos turismos.
Por último, dende a Mancomunidade promoveuse a creación dun servizo compartido de préstamo de bicicletas públicas, que foi posible grazas a un convenio entre o concello de Ferrol e o concello de Narón. As persoas interesadas neste servizo, poden consultar a web www.biciferrolterra.com